dos que voltaron

Eu que xa volvín

Chámome Facundo, e levo Terra por apelido. Eu estiven fora, eu surquei mares, atravesei selvas, e afoguei no lago Maracaibo. Pero volvín. Agora, co tempo, doume conta de que me fun eu, para que non se tiveran que ir os meus fillos. Tivenme que ir, pra poder volver.

Teño arrugas na pel, feitas pola erosión do tempo. Teño feridas nas maus, e no corazón. Algunha fixéronma nunha pelea de bar, nun porto infernal de Uruguay. Outras tívenas por amor. Arei a terra, plantei árbores, tíven fillos. Hoxe escribo un blogue aquí, que é a versión moderna e diabólica de escribir un libro.

Pero non vos vou contar a miña historia. Aínda non vos coñezo, e eu xa non son nunca máis un exhibicionista. Pero teño historias pra durmir ós meus netos, e non son fáciles de durmir, os condenados. Coñécín moita xente na miña vida, tristemente poucos me sobreviviron. Sobrevivir é unha auténtica putada moitas veces. Desculpen a palabra, pero cando un é vello, ou poeta, pode falar coma queira. E de poeta, quedará á vista, non teño moito. Como vos dicía, neste blogue contarei historias de xente que coñecín, de moitos outros que coma min, fai xa décadas, tiveron que emigrar.

¿Por qué te fuches, avoo? Isto pregúntamo moito miña neta Carme. E eu dígolle que porque non tiña qué comer. «¿E por qué non o pedías?». Por que os galegos non pedimos nada, os galegos emigramos. Iso dicía Castelao. Iso vivimos moitos nas nosas carnes, nas nosas costas. Aínda recordo a humidade que había no barco que me levou de Vigo a Arxentina. Aínda me doen os ósos. Aínda me chora a alma pola distancia que se agrandaba.

Na miña foto de portada podedes ver a Castelao. Escollín a Castelao porque aínda non coñezo cámara que poida captar con tanta nitidez o retrato dun galego. El coñecíanos mellor que nós mesmos. El emigrou, e voltou. El tamén coñeceu historias coma a miña. E foi unha sempiterna inspiración pra min.

Doénme as mans. Deixarei de escribir por hoxe. Pero volverei para contarvos cousas dos que nos fumos fai moito tempo, e de aqueles que con moita sorte coseguimos volver.

¡Saúde!

Acerca de Facundo Terra

Comentarios

Tu email no será publicadoCampos obligatorios marcados con: *

*